Amazon comeza a etiquetar os produtos con maior número de devolucións

martes, 28 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos anos os consumidores foron perdendo a confianza en plataformas de comercio electrónico como Amazon por mor dos comentarios fraudulentos que levan a que produtos claramente deficientes consigan boa puntuacións, e semella que por fin engaden unha medida que pode axudar a loitar contra tal situación aparte de perseguir a fraude: indicar cando un produto non resulta satisfactorio para os consumidores.
Nos EE.UU. están a ver como algúns produtos en Amazon presentan unha nova etiqueta que destaca cando un produto foi devolto con frecuencia, deixando así claro que o produto é dunha calidade deficiente ou a súa descrición non se axusta á realidade, polo que a súa compra debería facerse con prudencia, xa que, aínda que o produto poida devolverse, está claro que os consumidores non queren perder o tempo pedindo e devolvendo produtos que non satisfán as súas necesidade.
A advertencia de Amazon aos consumidores é claramente positiva para a plataforma como para os clientes, xa que supón un importante aforro en loxística e en tempo, mellorando a confianza en Amazon e reducindo a presenza de produtos que poderiamos considerar tóxicos para a plataforma. Do mesmo xeito Amazon tamén está a probar unha nova etiqueta na que reflicte o número de unidades do produto vendidas no último mes, o que mellora a percepción do produto por parte de consumidores que non o adquirisen previamente.

PUBLICIDADE