Amazon.com volve vender dispositivos Chromecast

xoves, 13 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos Amazon declarara a guerra a produtos que competían cos propios, ou sexa, que retirara da súa tenda os dispositivos electrónicos de Apple e Google, pero nos últimos meses está a rectificar de rumbo, e tras chegar a un acordo de distribución con Apple (que agora vende oficialmente a través de Amazon boa parte dos seus produtos) temos que en Amazon.com volven figurar á venda os dispositivos Chromecast, aos mesmos prezos que na Google Store e vendidos directamente por Amazon (e non por parte de terceiros a través do marketplace).
Este cambio de política de Amazon resulta esperanzador e, cando menos, tranquiliza a nivel de competencia, xa que non parecía razoable que unha tenda global vetase produtos por entrar en colisión con outros dos seus negocios (práctica que podería chegar a valerlle sancións).
Lembremos que os Chromecast son dispositivos de pequeno tamaño que poden conectarse ao televisor por HDMI para achegarlle contidos a través da Internet, o que competiría directamente cos Fire TV stick de Amazon, de aí que Amazon non quixese ter ambos dispositivos na súa tenda en liña.
Rematado o veto nos EE.UU. queda agora esperar a que os Chromecast tamén estean dispoñibles en Amazon.es, facilitando así a súa compra en España (aínda que actualmente teñen unha alta dispoñibilidade comercial, estando tamén presentes en grandes cadeas de electrónica de consumo e incluso en hipermercados).

PUBLICIDADE