Amazon celebrará o seu Prime Day en outubro

luns, 28 de setembro do 2020 Marcus Fernández

O ano pasado Amazon celebrara o seu Prime Day durante os días 15 e 16 de xullo, achegando un grande número de ofertas aos subscritores de Amazon Prime e conseguindo así ter un par de xornadas cun volume de vendas capaz de rivalizar con fenómenos como o Black Friday, pero a situación de pandemia levounos a adiar a celebración de 2020, e por fin hai data para o evento de rebaixas, que será finalmente os días 13 e 14 de outubro.
Desta volta Amazon quere aproveitar para axudar a pequenas e medianas empresas, de xeito que activa unha promoción a través da que dará 10 euros de saldo promocional aos usuarios que durante o novo Prime Day gasten 10 euros en produtos vendidos por pequenas e mediadas empresas seleccionadas na tenda de Amazon.
Cómpre lembrar que aínda que as rebaixas do Prime Day inclúan a millóns de produtos, os principais beneficiados ano tras anos están a ser os produtos da propia Amazon, como os lectores de libros electrónicos Kindle, os altofalantes Echo, os Fire TV Stick e outras marcas que buscan en boa medida invadir os nosos fogares para a súa domotización, e dos que algúns xa iniciaron as rebaixas para chamar a atención de cara ao Prime Day.
Será interesante ver como encaixa esta etapa de rebaixas nunha data tan pouco propicia, xa que está demasiado próxima ao 11.11 do comercio electrónico chinés e ao Black Friday (27 de novembro), que buscan anticipar gastos de cara á campaña de Nadal.

PUBLICIDADE