Amazon anuncia unha versión Wi-Fi do Kindle por só 139 dólares

xoves, 29 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Coma reacción ao lanzamento do iPad, dispositivo multifunción que, entre outras moitas cousas, permite a lectura de libros electrónicos, Amazon reduciu o prezo do Kindle 2 a 189 dólares (144,40 euros), mentres que Barnes & Noble puxo o seu NOOK a un prezo de 199 dólares á vez que estreou un modelo do seu eReader só con conectividade Wi-Fi por 149 dólares, táctica que pareceu convencer a Jeff Bezos, de xeito que vén de anunciar un novo modelo de Kindle, que conserva o seu prezo na súa versión 3G, pero que tamén está dispoñible só con Wi-Fi por 139 dólares (106,20 euros), converténdose nun dos dispositivos deste tipo máis baratos do mercado.
Inicialmente o novo Kindle só estará dispoñible en Estados Unidos e Reino Unido a partir do 27 de agosto, aínda que resulta evidente que a versión Wi-Fi funcionará sen problema en todo o mundo, por non depender de ningunha rede de telecomunicacións móbiles, o que facilitará a súa internacionalización, de xeito que podería converterse no lector de e-books baseado en E Ink máis popular do mercado.
O novo Kindle conserva a pantalla de 6 polgadas (que agora goza dunha taxa de refresco un 20% máis rápida), conta cunha capacidade interna de 4 Gb e a súa batería é capaz de manter funcionando o trebello durante un mes de ter a conectividade sen fíos desactivada (e 10 días en caso contrario). A aparencia externa do eReader redeseñouse reducindo un 21% o seu tamaño e un 15% o seu peso, polo que gaña en atractivo de cara ao seu uso prolongado ou de viaxe, mantendo a principal vantaxe deste tipo de dispositivo: operar baixo a luz do sol por contar cunha pantalla de papel electrónico (mentres que os dispositivos tipo LCD resultan imposibles de utilizar en contornos de alta iluminación).
Esta renovación do Kindle de Amazon confirma que é posible sobrevivir ao iPad, e dende Amazon incluso aseguran que están a incrementar as súas vendas (aínda que non podemos ignorar o feito de que a plataforma Kindle tamén está dispoñible para Android, iPhone, iPad, BlackBerry, PC e Mac, polo que aínda que o seu eReader fracasase, o seu negocio continuaría con boa saúde).

A principal vantaxe do Kindle fronte ao iPad é que pode empregarse baixo a luz do sol
O Kindle non está pensado só para a lectura de e-books, senón que tamén ten dispoñible a subscripción a distintos xornais
A pantalla do Kindle non conta con retroiluminación, polo que para ler a escuras precisa de solucións externas

PUBLICIDADE