Amazon anuncia o inminente comezo do proceso de selección de persoal para o seu centro do Porriño

martes, 10 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Xa o anunciamos a finais de xullo: Amazon, o xigante do comercio electrónico, vai abrir no Porriño un centro loxístico de seu, unha instalacións de 4.000 metros cadrados que xerará máis de 30 postos de traballo e impulsará a actividade das empresas de reparto independente da contorna (a área de Vigo e os seus arredores). Pois ben, este mes de setembro foron dadas a coñecer máis detalles sobre o proxecto. Foi na xuntanza mantida pola alcaldesa do Porriño, Eva García, o concelleiro de Emprego, David Alonso, e a representante de Amazon Logistics, Eva Pérez. Entre outras cousas fíxose saber a firma Manpower encargarase da selección de persoal, un proceso que comezará en breve.
Tamén se explicou que a cifra de traballadoras e traballadores é probábel que suba até 40, na central loxística, un número que se verá incrementado en datas punta como por exemplo a celebración do Black Friday, a campaña de Nadal ou as rebaixas de inverno.
A alcaldesa fixo saber que a selección publicarase en datas vindeiras a través dos medios de comunicación indicando unha ligazón onde as interesadas e interesados deberán dirixirse para remitir o seu currículo. Amazon, neste senso, anunciou que o proceso será “transparente” e estará “baseado na valoración das capacidades e méritos de cada aspirante”.
O Concello de Porriño prestará as instalacións de Porremprego no Multiusos de Torneiros para a realización das entrevistas de traballo aos aspirantes cando Manpower arranque coas enquisas.
Segundo engadiu a rexedora, “isto vai ser o principio dunha colaboración moi exitosa entre Amazon e Porriño, de tal xeito que un proxecto aínda máis grande do que vai comenzar sería factible e con moita xente do concello e arredores cualificada e con ganas de traballar”.
Na reunión tratáronse tamén aspectos referidos a marcha das obras de reforma das instalacións que Amazon mercou e reformou. Tratase da antiga nave da firma Arcelor, no Polígono de Prado-Budiño.
Na xuntanza explicouse que se está a reformar unha nave preexistente de 1.927 metros cadrados construídos dentro dunha superficie total de 4.661 metros cadrados que ten o solar. A previsión é que a empresa de Internet poida abrir esta nova central loxística para o noroeste da península a finais de setembro ou principios de outubro.

PUBLICIDADE