Amazon amplía o catálogo de produtos Echo

xoves, 28 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Amazon está a revolucionar a súa familia de produtos potenciados coa intelixencia artificial de Alexa, ampliando a serie de produtos Echo e renovando tamén o seu Fire TV para incluír soporte de 4K, aínda que como Alexa non está dispoñible en español polo momento non está previsto que se comercialice ningún destes trebellos en España, e incluso teñen moi limitada a súa distribución europea.

Echo Spot

Un dos produtos máis interesantes dos presentados é o Echo Spot, pequeno accesorio que pode reservarse a un prezo de 129,99 dólares e que comezará a distribuírse en decembro, e que supón a mestura do tamaño do Echo Dot coa pantalla do Echo Show, de xeito que pode entenderse como un reloxo espertador que tamén pode amosar información meteorolóxica, novas en vídeo e outras funcionalidades, coa grande vantaxe de ocupar un espazo moi reducido, polo que é ideal para dormitorios e escritorios. Tamén integra cámara frontal de xeito que poden empregarse para comunicacións en vídeo ou en audio, o que pode resultar práctico incluso para o interior dun mesmo fogar, xa que ao poder controlarse mediante ordes de voz podemos empregalo para avisar de que xa está listo o xantar ou para dar un recado.
O seu altofalante de 2 watts tamén permite reproducir música directamente, aínda que para ese uso sería máis recomendable empregar uns altofalantes externos conectados por Bluetooth ou toma de jack de 3,5 milímetros, xa que o reducido tamaño deste trebello non pode dar unha boa calidade de reprodución musical.

Novo Echo e Echo Plus

Dende hai anos Amazon ofrece o seu altofalante conectado Echo, que converteuse en todo un éxito de vendas nos EE.UU. ao permitir funcións como realizar chamadas, reproducir música e incluso responder a consultas faladas dentro do fogar, e agora chegou a hora da súa renovación, de feito que xa temos un Echo de segunda xeración por 99,99 dólares, e que supón principalmente unha mellora na reprodución sonora.
Pero agora temos tamén o Echo Plus, cun prezo de 149,99 dólares, que busca ser tamén un concentrador para o fogar conectado, de xeito que pode xestionar lámpadas, interruptores, termostatos e outros trebellos que empreguen a tecnoloxía ZigBee, como as lámpadas Philips Hue, evitando así o uso dun hub adicional, ou sexa, que reduce a cantidade de trebellos necesarios para gozar dun fogar conectado co que sexa posible interactuar coa voz.

Novos accesorios

Para quen xa conte cun Echo no fogar, tamén haberá accesorios novos, sendo o máis importante o Echo Connect, que pode reservarse por 34,99 dólares e chegará aos compradores en decembro, e que permite conectar o Echo a unha liña de telefonía fixa, facilitando así a realización de chamadas de voz en mans libres dende o fogar.

Pero hai outro accesorio moito máis curioso, que aínda non ten data de lanzamento (xa que están pendentes da aprobación por parte da FCC), os Echo Buttons, que son uns pulsadores luminosos que venderanse en parella a un prezo de 19,99 dólares e que facilitarán a realización de xogos en familia ou con amigos a xeito de concurso televisivo (no que a velocidade en premer o botón indicará quen pode responder). Estamos claramente ante un accesorio que busca venderse de cara ao Nadal, para complementa ao resto de produtos Echo empregándoos dun xeito lúdico.

Os Echo Buttons permiten xogar cos amigos e familiarse a concursos de preguntas e respostas

PUBLICIDADE