Amazon achega os últimos Kindle a España

mércores, 17 de xuño do 2015 Marcus Fernández

En setembro de 2014 Amazon renovaba os seus dispositivos Kindle e Fire nos EE.UU., e os amantes dos lectores de libros electrónicos que dende España quixese gozar do eReader máis avanzado do mercado tiveron que armarse de paciencia até hoxe, cando por fin se confirma a chegada ao noso territorio do Kindle Voyage. Este novo dispositivo con parte traseira de magnesio e parte frontal de cristal rasante con microgravado consegue combinar resistencia cun grosor reducido (7,6 milímetros) e un peso moi contido (180 gramos).
A lectura co Kindle Voyage promete ser excelente, grazas aos 300 puntos por polgada da súa pantalla de tinta electrónica, á vez que tamén conta con brillo na súa pantalla que se axusta automaticamente á luz do contorno (sendo tamén posible o seu axuste manual). A pantalla tamén sería táctil e integraría un sensor de forza personalizado, de xeito que facilitaría o paso de páxina cunha simple presión sobre o lateral do dispositivo. Teríamos así unha versión mellorada do anterior eReader de Amazon, que chegaría a un prezo que parte dos 189,99 euros para a versión con Wi-Fi e que por 249,99 euros contaría tamén con conectividade 3G de balde.
Pero se buscamos simplemente un lector de libros electrónicos cunha pantalla de alta resolución, o novo Kindle Paperwhite sería dabondo, xa que conserva a pantalla de 300 puntos por polgada e aínda que sexa máis gordo e pesado, e non conte con certas melloras, o seu prezo faino (dende 129,99 euros) moi atractivo para moitos usuarios. No caso de que o prezo sexa unha barreira, o Kindle máis básico tamén pode adquirirse por só 79,99 euros.
Tanto o Kindle Paperwhite coma o Kindle Voyage tamén incorporan numerosas melloras no seu software, cun sistema de separación de palabras con guións e espazos mellorados, melloras na colocación de carácteres, unha disposición de páxina atractiva e incluso máis facilidades á hora de empregar fontes grandes, que é unha da prestacións dos eReaders máis valoradas polos usuarios.


Vídeo promocional do Kindle Voyage

PUBLICIDADE