Amazon Prime Video chega a España

mércores, 14 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Tras a chegada de Netflix e HBO a España, chegaba un terceiro grande competidor global por desembarcar no noso territorio, e finalmente chega Amazon, cun catálogo máis discreto que os anteriores, pero dun xeito bastante máis contundente, por ofrecerse sen custo adicional a todos os usuarios de Amazon Premium, ou sexa, que as persoas que pagan 19,95 euros/ano para poder recibir os seus pedidos en Amazon.es de xeito urxente sen gastos de envío recibirán tamén unha oferta audiovisual que combina unha selección de películas e series de televisión que en moitos casos xa están dispoñibles noutras plataformas, xunto cunha serie de producións da propia compañía.
Entre as exclusivas, coñecidas como Amazon Original Series, podemos ver producións televisivas de grande reputación como Transparent, The Man in the High Castle, Mozart in the Jungle, Hand of God, Bosch ou Red Oaks, que conseguiron grande éxito internacional e que por fin poderemos gozar en España.
O novo servizo pode gozarse vía web en PrimeVideo.com, ou a través da correspondente aplicación para Android, para iOS ou para Smart TV de marcas como LG e Samsung, permitíndose o acceso ao material tanto dobrado como en versión orixinal, estando tamén dispoñibles os correspondentes subtítulos, e destacando tamén o feito de que permite a descarga dos vídeos para o seu consumo fóra de liña.
Un dos grandes atractivos de Amazon Prime Video é tamén The Grand Tour, serie sucesora de Top Gear, presentada por Jeremy Clarkson, Richard Hammond e James May, e da que polo momento só hai 4 episodios dispoñibles, xa que aínda está en curso (completaranse os 12 primeiros capítulos a primeiros de febreiro de 2017).
Polo momento enténdese que o servizo de vídeo é un reclamo para atraer a clientes a subscribir Amazon Premium, aínda que nos mercados onde Amazon ten máis forza conseguiu converterse nun competidor de primeira orde para plataformas como Netflix, polo que cómpre estar pendente da evolución desta nova plataforma audiovisual que xoga tamén coa forza de Amazon como ecosistema.

PUBLICIDADE