Amazon One permite pagar coa palma da man

martes, 29 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Nun momento no que a pandemia está a ser un grande atranco para os sistemas biométricos, xa que moitos como os lectores de impresións dixitais precisan de contacto, mentres que o recoñecemento facial aínda non se adaptou ao uso de máscaras, dende Amazon propoñen unha nova tecnoloxía para a autorización de pagamentos, Amazon One, que recoñece a palma da man dos usuarios.
Esta tecnoloxía probarase inicialmente nas tendas Amazon Go de Seattle, para trasladarse logo a máis localizacións, podendo chegar a implantarse posteriormente en establecementos comerciais doutras compañías que busquen implantar un sistema de pagamentos áxil e sen contacto.
Esta solución de Amazon non sería como o recoñecemento de mans actual (mediante contacto) senón que sería un sistema que recoñecería diferentes elementos da man (dende as liñas da man até os patróns das veas) para crear unha sinatura da palma que serviría para identificar univocamente a un usuario rexistrado, o que sería máis áxil que o dobre control que suporía o uso de, por exemplo, o móbil para pagar (xa que normalmente require tamén empregar o recoñecemento mediante impresión dixital ou recoñecemento facial).
O uso de recoñecemento de mans sería máis respectuoso coa privacidade que o recoñecemento facial, e tamén tería certa seguridade polo mero feito de que para o seu emprego ai que realizar o xesto intencional de colocar a palma da man sobre o dispositivo a empregar.

PUBLICIDADE