Amazon Dash quere facilitar a compra de produtos frescos para o fogar
venres, 4 de abril do 2014
Amazon
continúa a revolucionar o comercio electrónico, e aínda que a súa marca a
vexamos moi asociada aos produtos culturais e de electrónica de consumo, nos
últimos anos foi ampliando miras e incluso se introduciu na venda de produtos
de alimentación, sector no que pode ter un importante impacto con solucións
como o seu novo produto, Amazon Dash,
un accesorio que inicialmente recibirán de balde usuarios de AmazonFresh nos
EE.UU. e que promete facer máis doado a elaboración da nosa cesta da compra.
Estamos ante un pequeno trebello de 16,2 x 2,6 centímetros que integra un
micrófono para recoñecer a nosa voz, un lector LED de códigos de barras para
identificar os produtos que temos no fogar e conexión Wi-Fi para poder gardar
os seus datos na nube, de xeito que os usuarios deste innovador dispositivo,
unha vez que o teñen conectado á súa rede Wi-Fi doméstica, poden ir recollendo
información sobre os produtos que precisan repor no fogar, para que cando se
achegue ao ordenador para facer un pedido en AmazonFresh
(servizo dispoñible polo momento en só 3 áreas nos EE.UU.), teña xa unha serie
de anotacións a xeito de listaxe da compra, que axilizará moito a realización
de pedidos dende o ordenador ou dispositivos móbiles que poderán recibirse ao
día seguinte.
Esta nova solución tecnolóxica facilita que vaiamos elaborando a nosa listaxe
da compra ao longo de todo o día, sen esforzo e reducindo a posibilidade de
esquecer algo, á vez que, no caso de produtos con código de barras, axiliza
moito a súa incorporación a un pedido a través da Internet, facendo moito máis
natural o proceso da compra e permitindo que calquera membro da familia poida contribuír
a detallar os produtos frescos que precisan mercarse.
Vídeo promocional de Amazon Dash
O funcionamento de Amazon Dash explicado paso a paso