Amarga estrea en consolas de Cyberpunk 2077

venres, 11 de decembro do 2020 Marcus Fernández

O lanzamento de Cyberpunk 2077 está a ser o meirande acontecemento do mes de decembro no sector dos videoxogos, pero tamén está a resultar unha experiencia moi amarga e polémica, xa que CD Projekt Red adiara o título precisamente para pulir as numerosas versións do mesmo, e finalmente parece que ese traballo de última hora non foi dabondo e algunhas das versións desta produción tardarán bastante en poder considerarse xogos dignos.
Que o xogo vendese 8 millóns de copias no seu lanzamento confirma o interese que o público ten posto neste título, pero cómpre lembrar que estas compras fixéronse a cegas, ou sexa, cos usuarios confiando en que o xogo final fose o prometido, cando tal sensación só a están a ter os que gozan do xogo en ordenadores persoais potentes (as esixencias do xogo son bastante elevadas e cómpre ter os controladores das gráficas actualizados para evitar ter problemas) ou unha consola Xbox Series X, mentres que a versión para PlayStation 5 probablemente acade bos resultados con pequenas actualizacións. Pola contra, as versións para PlayStation 4 e Xbox One están a considerarse un auténtico desastre, mellorando un chisco en PS4 Pro e Xbox Series S, e chegando a ser un aceptable a versión para Xbox One X. De xeito xeral pode dicirse que a calidade e o acabado do xogo é directamente proporcional á potencia gráfica da máquina na que corre.

Bo funcionamento en Stadia

O máis curioso de todo isto é que en Stadia o xogo ofrece unha experiencia comparable á de Xbox Series X, considerándose incluso mellor que a versión de PS5, o que confirma que a plataforma de xogo na nube de Google pode dar bos resultados de contar cun bo desenvolvemento (ou sexa, que o mal funcionamento de Red Dead Redemption 2 en Stadia non sería culpa da potencia da plataforma en liña). Dende Google están a aproveitar a situación, e están a recomendar que os usuarios de vellas consolas merquen o xogo para Stadia, lembrando que até as 9:00 horas do 18 de decembro (ou até esgotar existencias) agasallarán cun Chromecast Ultra e un mando de Stadia a quen merque Cyberpunk 2077 para Stadia. Tendo en conta que o xogo ten un prezo de 59,99 euros e a Premiere Edition de Stadia véndese a 99,99 euros, queda claro que a oferta é moi atractiva, e busca instar aos xogadores e lanzarse de cheo ao xogo na nube como alternativa ás consolas tradicionais.

Máis dun millóns de xogadores en Steam

Aínda que Stadia queira aproveitar este momento para gañar usuarios, cómpre lembrar que CD Projekt Red fixo un bo traballo coa versión para PC do xogo e, de feito, está a ser un éxito notable en ordenadores persoais, como rexistraron dende SteamDB, onde consideraron como unha auténtica tolería que superasen o millón de usuarios simultáneos en Steam. Concretamente o máximo número de usuarios que conseguiu simultaneamente Cyberpunk 2077 en Steam foi de 1.054.388, ou sexa, que conseguiu situarse de súpeto á altura de grandes títulos como Dota 2 e Counter Strike: Global Offensive, que son os que nas últimas semanas lideraban Steam.

Para un bo funcionamento o xogo precisa dun PC bastante potente a nivel gráfico.

Tráiler de lanzamento de Cyberpunk 2077

PUBLICIDADE