Amanda Fonoll: “As Lanzadeiras Conecta Emprego son unha aposta pola innovación ao servizo da empregabilidade"

xoves, 3 de setembro do 2020

Artigo de Miguel Rey

O problema do emprego en España arrástrase desde fai xa moito tempo e para tentar solucionalo puxéronse en marcha numerosas iniciativas máis ou menos frutíferas. Unha das máis novas e interesantes nestes últimos anos é a das Lanzadeiras Conecta Emprego (LCE), que se desenvolven en toda España e das cales temos tres bos exemplos en Galicia, en concreto na Coruña, Arteixo e Santiago. Amanda Fonoll Aymerich, coordinadora LCE de Santiago de Compostela, explícanos esta iniciativa que parece tan necesaria sobre todo agora mesmo, en tempos de pandemia.
-Amanda, que son as LCE e como foron creadas?
-As Lanzadeiras Conecta Emprego xurdiron en 2020 da man de Fundación Santa María A Real e a Fundación Telefónica, co apoio e o co-financiamento do Fondo Social Europeo, a través do programa operativo POISES. Diferéncianse doutras iniciativas porque teñen máis compoñentes dixitais para axudar, guiar e orientar a persoas en desemprego a adaptarse ao novo mercado laboral, para que reforcen as súas competencias transversais e para posicionarse mellor nos procesos de selección.
-Cóntanos un pouco a túa traxectoria profesional e como chegas ao proxecto.
-Son psicóloga de formación e a miña traxectoria estivo relacionada coa orientación laboral e a formación para mellorar habilidades para o emprego. Empecei traballando como técnica de RRHH e logo especialiceime en orientación e formación. Os meus vencellos co proxecto empezan como participante da Lanzadeira de Santiago, iso significa que estaba en desemprego e a lanzadeira axúdome a idear unha estratexia para impulsar a miña marca. Considero que é unha metodoloxía que pon no centro á persoa, que busca empoderala e entendela para poder acompañala no seu proceso de procura.
-Cantas Lanzadeiras Conecta Emprego funcionan neste momento en España?
-O programa xurdiu no ano 2013. Desde entón ata a actualidade, a Fundación Santa María A Real xestionou máis de 600 lanzadeiras por todo o país, con preto de 15.000 participantes e unha media de inserción laboral do 60%... Agora mesmo hai 25 Lanzadeiras Conecta Emprego operativas por 25 cidades de 9 Comunidades Autónomas: Galicia, Andalucía, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e Murcia. En total, entre 2020 e 2023, faremos 193 Lanzadeiras Conecta Emprego por todo o país, para axudar a máis de 6.000 persoas a reactivar a súa procura de traballo.
-Polo que nos dis son moitos os desempregados interesados en participar nesta formación. Como se chega a ela?
-Para implantar o programa Lanzadeiras Conecta Emprego en cada territorio buscamos o apoio das administracións públicas. No caso de Galicia, logramos a implicación da Xunta, a través da Consellería de Emprego, con quen alcancei un convenio de colaboración. Cada LCE conta con 20 prazas. Poden apuntarse persoas de calquera nivel formativo e procedentes de todos os sectores. O reto é configurar equipos moi variados, heteroxéneos e multidisciplinares, para que entre os seus participantes non exista competencia á hora de buscar traballo, senón unha cultura solidaria e colaborativa. É un dos alicerces da nosa metodoloxía. Unha vez que se pecha o prazo de inscrición, os técnicos de cada territorio contactamos con todas as persoas rexistradas e desenvolvemos o proceso de selección para elixir aos 20 finalistas.
Unha vez que seleccionamos ás 20 persoas, comeza a funcionar a Lanzadeira Conecta Emprego. Os primeiros días son vitais, porque se trata de que se coñezan entre si, de que compartan as súas vivencias, coñecementos e experiencias; de que fagan piña e constrúan as bases do seu equipo, para loitar xuntos por un obxectivo común, atopar traballo.
-O formato de LCE está pensado en principio para ser presencial. Como superastes o illamento imposto pola COVID?
-Con moita flexibilidade, adaptación e, por que non, con sentido do humor. Todos os programas que tiñamos previsto desenvolver en formato presencial pasaron a ser dixitais en tempo récord. Temos un equipo metodolóxico moi bo que soubo transformar a situación nunha oportunidade para incorporar e adaptar o formato presencial ao formato dixital.
-E que recursos aprenden os participantes que faciliten a súa empregabilidade nun mercado laboral tan complexo como o español?
-As lanzadeiras son existenciais, o que realmente buscamos é que adquiran recursos e ferramentas para afrontar a procura de emprego ao longo de toda a súa vida laboral e, en consecuencia, atopen un emprego por conta propia ou por conta allea. Trabállase moito con eles as competencias transversais e especialmente as habilidades dixitais, tan demandadas hoxe en día polas empresas. Aprenden novos programas ou aplicacións informáticas; ademais de ferramentas para elaborar uns bos currículos ou pasar unha entrevista laboral. Ademais, poñemos o foco na crecente necesidade de utilizar as redes como medio para a procura de emprego e traballar a súa propia marca persoal. Outra compoñente clave é o contacto con profesionais de distintos sectores que nos achegan a súa visión do mercado laboral e o contacto con empresas.
-Desde a túa experiencia crees que a actual pandemia complica moito a situación dos parados e das empresas?
-A COVID-19 supuxo unha complicación para moitas empresas e afectou a moitas familias. Non podemos facer coma se esta situación non estivese a pasar: perdéronse millóns de empregos e pecháronse moitas empresas. E isto afecta a nivel psicolóxico (á parte do económico) a todo un país. Con todo, desde o meu punto de vista hai que saber identificar as oportunidades e non quedarnos co discurso de “que mal está todo”. A palabra “crise” en chinés significa “oportunidade”. E eu pénsoo así. En toda crise hai unha oportunidade.
-Pódesnos dicir, Amanda, que sectores están a ofrecer máis emprego nas actuais circunstancias?
-Segundo os informes de varias consultoras e empresas de selección especializadas como Adecco, Infojobs ou Synergie, entre outras, varios sectores están a crear emprego: sanitario, servizos sociais e atención a persoas dependentes; limpeza, loxística ou telemarketing, entre outros. O comercio electrónico, a aceleración das compras online, levou á necesidade de incorporar novos postos para satisfacer a demanda de pedidos: persoal de loxística, transporte e atención en remoto.
-Que perfís profesionais hai agora mesmo na Lanzadeira de Santiago?
-Temos profesionais de distintos sectores: bioloxía, química, comercio, enxeñería, educación, informática, sector social, etc. Podedes atopalos na páxina web do programa na que se definen profesionalmente.
-En LCE insistides moito na metodoloxía de traballo en equipo. Por algunha razón en especial? Que recursos dixitais crees que son útiles para este tipo de traballo?
-O traballo en equipo é unha das competencias máis demandadas polas empresas. O traballo en equipo para o logro de obxectivos paréceme fundamental e constitúe unha das pezas clave polas que funciona este programa. Non busco traballo para min unicamente, buscamos traballo para todas as persoas que forman parte do grupo. Ferramentas dixitais útiles? Unha chea delas, algunhas por exemplo que estamos a usar de maneira habitual: o Meet distribuído en salas está a funcionarnos ben para a realización das sesións en grupos de traballo, o Trello ou Google Keep para a organización, o Slack para comunicarnos, o Jamboard ou Padelet a modo de taboleiro dixital, o Mentimeter para choiva de ideas, o Drive e Google Docs para compartir e editar en liña, o Canva para a edición dos currículos., o Classroom para compartir material, e moitas máis que nos quedan aínda por coñecer!
-O traballo en liña creceu considerablemente. Amanda, crees que se consolidará despois da pandemia?
-Rotundamente si. Considero que o teletraballo e a metodoloxía dixital viñeron quedar. Obviamente con medidas máis pautadas, máis recursos, con límites horarios e facilitando a conciliación.
-Para terminar, Amanda, pensas que este formato terá continuidade?
-Nesta edición, as Lanzadeiras Conecta Emprego xa apostaran por ter un compoñente máis dixital fronte ás lanzadeiras de anos anteriores. Iremos vendo como avanza a pandemia para saber se as próximas roldas de Lanzadeiras Conecta Emprego que están previstas para finais deste ano e para 2021 teranse que levar a cabo de forma online pola COVID19, ou se poden ir pasando de forma progresiva a un modelo mixto online-presencial, ata chegar ao seu formato orixinal, que é o presencial. Iremos vendo aos poucos, segundo o que vaia sucedendo co coronavirus, que nos obrigou a traballar con escenarios máis flexibles e menos certeiros. Hai que adaptarse a todo.

PUBLICIDADE