Alumnado de bacharelato da Coruña mergúllase na investigación avanzada do CITIC

venres, 18 de xaneiro do 2019 Redacción

O Centro de Investigación TIC segue ampliando a súa liña divulgativa e fomentadora de vocacións. Nesta liña e na de mostrar perante a mocidade a importancia de contar con coñecementos informáticos insírense as visitas que se celebraron estes días nas instalacións do centro de dous grupos de alumnas e alumnos de bacharelato. O martes percorreron as dependencias do CITIC dezaseis alumnos da materia de Tecnoloxías da Información e a Comunicación de segundo de bacharelato do IES Eusebio da Guarda (A Coruña). O responsábel da unidade de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, explicoulles o funcionamento do Centro de Proceso de Datos (CPD).
Ao día seguinte, foron os alumnos do IES María Casares de Oleiros os que coñeceron a sede do centro no Campus de Elviña. O subdirector, Javier Pereira, fixo unha presentación global do CITIC e posteriormente realizáronse dúas exposicións de proxectos colaborativos impulsados polos seus grupos de traballo.
Por unha banda, as investigadoras Paula Fraga, Lucía Ramos e Óscar Blanco presentaron o proxecto Concordance, sobre a prevención de colisións para UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés) utilizando técnicas de Deep Learning (aprendizaxe profunda) e sensórica optimizada. Pola outra, os investigadores Alberto Alvarellos e Ignacio Fraga expuxeron o proxecto Treboada, no que se utilizan técnicas de predición de precipitacións mediante sensores de baixo custe e aprendizaxe máquina. Rematouse a explicación deste segundo proxecto cunha visita á cuberta do CITIC para mostrarlles aos alumnos o funcionamento in situ dos sensores de predición de precipitacións instalados na devandita cuberta.

PUBLICIDADE