Altia participa na creación da meirande base de datos sobre o románico español

mércores, 25 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A Fundación Santa María A Real presentou este mes de novembro unha iniciativa para permitir, online, o desfrute e coñecemento da totalidade da arte románica en España. Trátase dun servizo de balde que se presenta baixo o lema Todo o románico ao teu alcance e que podemos consultar xa a través dun portal renovado, Románico Dixital, a maior base de datos en liña sobre o devandito estilo artístico no ámbito xeográfico estatal. A renovación do sitio web levouse a cabo grazas ao apoio e a colaboración de Fundación Telefónica, cuxa sede acolleu a presentación. Tamén participou arreo a empresa tecnolóxica Altia, con sede principal en Oleiros.
Altia foi de feito a encargada de adaptar, converter e importar os datos do sitio web de Santa María A Real para que poidan ser xestionados desde a nova ferramenta instalada. Ademais, elaborou a web, incorporando as distintas informacións ao novo sistema de xestión de contidos.
A entidade fixo saber na presentación que a iniciativa Románico Dixital naceu hai case unha década ligada á Enciclopedia do Románico e que se trata “dun auténtico proxecto cultural que implicou a máis de 2.000 investigadores ao longo de case catro décadas de traballo de estudo, catalogación e dixitalización de testemuños desta arte”. Como resultado dese inxente labor, recompiláronse máis de 9.000 testemuños do dito estilo artístico da Península Ibérica, aos que a partir de agora poderase acceder de maneira gratuíta e desde calquera lugar. Neste momento están envorcados todos os exemplos románicos de España, pero como se trata dun portal “vivo”, iranse ampliando paulatinamente os datos relativos a Portugal.

PUBLICIDADE