Altia e Netex farán avanzar a dixitalización docente en Canarias
martes, 26 de marzo do 2019
As
empresas galegas Altia e Netex
(a primeira centrada en servizos avanzados de consultoría
informática e solucións TIC, e a segunda en aplicacións e servizos
para a creación de material didáctico intelixente) van impulsar a
dixitalización do sector educativo de Canarias. E
vano facer creando contidos nunha Contorna Virtual de Aprendizaxe
(EVA) para o profesorado e os alumnos de primaria e secundaria da
devandita Comunidade. O proxecto foi adxudicado á alianza das
dúas empresas galega, ambas con sedes principais en Oleiros, pola
Consellería de Educación e Universidades do Goberno de Canarias.
Un
dos obxectivos fundamentais é dotar á comunidade educativa de
ferramentas e recursos dixitais que potencien a innovación nos
centros e que favorezan a simplificación do traballo docente do
profesorado.
Entre
os servizos quen van poñer en xogo Altia e Netex inclúese a
implantación de ferramentas de aprendizaxe e de traballo que
integren a todos os axentes da comunidade educativa, o
desenvolvemento dunha plataforma de xestión de recursos educativos,
a creación dun kit persoal de aprendizaxe e a aplicación de
recursos que aseguren a autoría das producións dixitais elaboradas
polo alumnado e o profesorado. Ademais, o proxecto contempla o
desenvolvemento de novas aplicacións e ferramentas educativas, así
como a posta en marcha de melloras nas existentes.
“Desde
Altia queremos impulsar o desenvolvemento dixital na contorna
educativa, ofrecendo, neste caso, solucións intelixentes tanto aos
profesores como aos alumnos de Canarias”, salientou Tino Fernández,
presidente de Altia, engadindo que “o proxecto responde á nosa
obsesión por desenvolver iniciativas que faciliten á cidadanía as
capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no ámbito
dixital”.
Dende
a Consellería de Educación e Universidades do Goberno de Canarias
destacouse a importancia do proxecto: “A dispoñibilidade de
contidos dixitais educativos facilitará, por unha banda, o tránsito
do analóxico ao dixital e, pola outra, o tránsito dunha educación
lineal marcada polo libro de texto e, baseada na memorización de
contidos para a súa posterior reprodución, a outros modelos de
ensino máis innovadores”.