Aliens e Predators enfrontaranse na PSP

martes, 14 de agosto do 2007 Marcus Fernández

As conversións de videoxogos ó cine e do cine ós videoxogos pode ser unha viaxe de ida e volta, o que demostran de sobra as sagas de Alien e Predator, que nacendo no cine deron lugar a multitude de videoxogos, aínda que non tardaron en mesturarse nos comics e nas plataformas de xogo, polo que os enfrontamentos entre as dúas razas alieníxenas tiveron tanto éxito no papel e nas pequenas pantallas que chegaron ó cine en 2004 e a finais de ano volverán a ter unha segunda entrega da que veñen de anunciar que tamén haberá un xogo para PSP desenvolvido por Sierra que sairá a finais de ano, a tempo para a estrea cinematográfica.
O percorrido desta saga é bastante difícil de facer, pois se ben as películas das dúas sagas cinematográficas contaron con videoxogos no seu momento, non foi ata 1994 cando apareceu o videoxogo para máquinas recreativas Alien vs Predator, mentres que paralelamente apareceron varias miniseries de comics inspiradas en tal enfrontamento. O éxito do xogo nos salóns recreativos levounos tamén a saltar ó PC en forma de xogos de acción en primeira persoa en 1999 e que en 2001 chegaron ó seu clímax con Aliens vs Predator 2, que permitía o xogo en rede e contou con moitos seguidores. Foi desenvolvido por Sierra, empresa que agora se encargará do desenvolvemento doutro xogo do mesmo título, aínda que desta vez inspirado nunha película.
Os usuarios das consolas Xbox e PS2 tamén contaron coa súa razón de razas extraterrestres con Alien vs Predator: Extinction, xogo moi distinto dos anteriores para PC, pois pasou da acción en primeira persoa á estratexia en tempo real, quedándonos por saber cal destas opcións tomará o novo xogo de Sierra.

PUBLICIDADE