AliExpress e El Corte Inglés alíanse para celebrar o 11.11

martes, 6 de novembro do 2018 Marcus Fernández

O día 11 de novembro é dende hai uns anos toda unha celebración na Internet por terse considerado como o Día do Solteiro, unha sorte de Black Friday chinés, que dende occidente vivimos principalmente a través de AliExpress, compañía que celebra a xornada con grandes descontos, e que este ano iniciará as ofertas o sábado 10 ás 14:00 horas e desenvolverase durante 48 horas.
Curiosamente España é, xunto a Francia, Polonia, Rusia e Oriente Medio, un dos poucos mercados nos que AliExpress terá unha campaña de rebaixas específica, con horarios locais e permitindo que unha ampla selección de produtos poidan conseguirse a través de almacéns próximos, axilizando as entregas de produtos.
Nesta última liña a grande novidade deste ano é que El Corte Inglés e AliExpress chegaron a un acordo para abrir unha tenda efémera no centro comercial de Sanchinarro (Madrid), de xeito que até o 18 de novembro será posible adquirir alí unha selección de produtos e participar en actividades especiais.
Esta tenda pop up ofrecerá produtos de tecnoloxía, mobilidade, audio, fogar... a prezos moi atractivos. Tamén buscará a participación dos consumidores. Pero semella que a principal intención desta instalación temporal é servir de espazo promocional do 11 do 11 en España.

PUBLICIDADE