Álex Grijelmo e Javier Rivero examinan no CIP o impacto do dixital na comunicación

martes, 11 de novembro do 2008 Raquel Noya

O ciclo de conferencias O Futuro da Industria da Comunicación, que dende o pasado xoves día 23 de outubro se está a celebrar en Compostela, chegará mañá ao seu ecuador con dous relatorios sobre Información e Desenvolvemento; o primeiro deles terá lugar da man do director da Axencia Efe, Álex Grijelmo, e o outro será impartido polo experto en interactive Media Comunicación e Mercadotecnia en Internet, Javier Rivero Díaz.
O proceso seguido pola Axencia Efe como empresa, e a transformación da industria da comunicación pola influencia da xuventude, serán os eixes sobre os que xiren as dúas conferencias que ofrecen visións propiciadas por dúas realidades sociais diferentes: a implantación de Efe no mundo, e a sociedade norteamericana.
Estes encontros, que se están a desenvolver na sede da Fundación Caixa Galicia na rúa do Vilar, están organizados polo Club Internacional de Prensa e a eles están a achegarse especialistas en comunicación procedentes de toda Europa e América para afondar, entre outras cousas, en todo o que nos agarda en materia de fondo e formatos informativos.
A presentación dos conferenciantes correrá a cargo do director da Axencia AGN, Xosé Mª Vilabrille, e do subdirector de El Correo Gallego, Luís Pousa; e os relatorios darán comezo ás 17:00 e ás 20:00 horas respectivamente.


Sobre que falará Álex Grijelmo...


Álex Grijelmo ve na Axencia de Noticias EFE “un exemplo da información e desenvolvemento da industria da Comunicación”, e vincula os novos retos da empresa aos novos produtos no mercado. O presidente de EFE indica que o proceso de crecemento, expansión e consolidación desta empresa no mercado da comunicación tanto a nivel estatal como internacional, “veu marcado por varios eixes: liderado en español, periodismo independente, a visión latina do mundo, alianzas estratéxicas, relacións internacionais, Responsabilidade Social Corporativa, innovacións na redacción, potencia tecnolóxica, e o enfoque multimedia”.

A súa traxectoria ascendente botou cifras importantes, algo fundamental na planificación empresarial e no deseño do seu futuro. O papel dos clientes e os servizos prestados pola empresa foron e son unha solución para cada soporte, como tamén son factores determinantes.


... e Javier Rivero


O profesor da Universidade de Los Ángeles-California (UCLA), Javier Rivero sostén que “a comunicación entre os mozos se está a desenvolver dunha forma e a través duns medios difíciles de imaxinar hai moi pouco”, e defende que “esta evolución tan rápida nos hábitos de comunicación están a transformar a industria da comunicación, creando un novo contexto de relación entre mozos e mozas, e polo tanto no ámbito familiar”.

PUBLICIDADE