Alén Space capta un millón de euros de investimento da man de BeAble Capital e o CDTI

venres, 13 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A firma tecnolóxica Alén Space, centrada en fabricar nanosatélites que permiten acceder a datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais, vén de subir un novo e importante chanzo no seu camiño cara ao crecemento definitivo e a conquista de novos mercados mundiais. Segundo nos contan os responsábeis da empresa, esta foi quen de captar un millón de euros de investimento do prestixioso fondo estatal BeAble Capital e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Con estas e outras novidades importantes, a empresa galega (spin-off da Universidade de Vigo) aspira “a converterse no fabricante de referencia en Europa”.
Os fondos recibidos permitiranlle acelerar a comercialización das súas solucións, acceder a novos mercados, desenvolver nova tecnoloxía e produtos para fortalecer a súa diferenciación e dotarse de maiores capacidades.
Polo que se refire a BeAble Capital, é un fondo referencial español que aposta pola ciencia como motor económico co obxectivo de crear unha industria competitiva e de valor. A piques de rematar un 2019 no que se afianzou como líder investindo en deep science, BeAble Capital entra no capital de Alén Space cunha rolda de investimento dun millón de euros, onde participa o CDTI (coa iniciativa de co-investimento impulsada a través de Innvierte Economía Sustentable) e BeAble Capital como principal investidor.
Polo que se refire a Alén Space é como dixemos unha spin-off da Universidade de Vigo cuxo equipo traballa desde hai máis de 10 anos no desenvolvemento de pequenos satélites. Este equipo lanzou en 2012 o satélite Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español da historia, e dende aquela, desenvolveu unha manchea de proxectos nos que colaborou coas axencias e institucións espaciais máis referenciais do sector, como a Axencia Espacial Europea (ESA), a NASA, a Agência Espacial Brasileira (AEB) e a Oficina de Nacións Unidas para os Asuntos do Espazo Exterior (UNOOSA). O nacemento da compañía foi financiado e apoiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Programa Ignicia, e acelerado por ViaGalicia. Os días pasados, Alén Space foi obxecto dun importante recoñecemento na nosa terra: o Premio á Transferencia de Tecnolóxica de Galicia.

PUBLICIDADE