Alcatel presentará a semana que vén novos smartphones e smartwatches

venres, 2 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que no CES de Las Vegas tenden a destacar grandes fabricantes, compañía máis modestas atrévense tamén a levar as súas novidades, buscando chamar a atención sobre os seus novos produtos, e unha empresa que podería conseguir unha mellor resposta da prevista podería ser Alcatel, xa que vai aproveitar a feira internacional para amosar a súa nova familia de smartphones e incluso a presentar un smartwatch a un prezo asumible.
Os novos smartphones serían os integrantes da familia PIXI 3, que chegarían cun modelo básico con conectividade 3G e unha pantalla de 3,5” e un par de terminais 4G con pantallas de 4, 4,5 e 5 polgadas, que destacarán especialmente porque o mesmo hardware será compatible con varios sistemas operativos móbiles (Firefox OS, Windows Phone e Android) o que supón unha oferta sen precedentes á hora de elixir móbil.
O outro produto que pretende captar a atención dos medios e o público é a nova familia WATCH de Alcatel OneTouch, que persegue ofrecer reloxos conectados cun deseño elegante a un prezo asumible, aínda que polo momento só detallan que custarán “unha fracción do custo dos seus competidores”. Estes reloxos de pulso contarán con distintos deseños, incluirán sensores para facilitar o rexistro da actividade diaria do usuario e poderán comunicarse con smartphones Android para controlar a súa música, disparar remotamente a súa cámara, recibir notificacións e outras funcionalidades.

PUBLICIDADE