Agestic organiza unha festa de Internet rural en Rábade

venres, 30 de novembro do 2007 Raquel Noya

Coa finalidade de clausurar as campañas de difusión das vantaxes das tecnoloxías da información (TIC) levadas a cabo co Info Bus (BUSSI) por toda Galicia e de celebrar a boa acollida que tiveron as mesmas, a Asociación Galega de Empresas TIC, (Agestic), vén de anunciar a celebración dunha festa de Internet rural o vindeiro día 2 de decembro no Campo da Feira de Rábade, en Lugo.
Tampouco nesta ocasión podería faltar no recinto desta vila o Info Bus da Información, que estará alí aparcado ofrecendo acceso a Internet de balde así como camisetas, vinchas de goma, caramelos e diverso material formativo sobre as TIC. Asemade, a festa estará amenizada con música por un DJ e unha animadora e organizaranse concursos e xogos para que participen tódolos asistentes que o desexen.
Con esta festa, a organización pretende celebrar cos veciños de Rábade (aproveitando a feira do domingo) o éxito das campañas de difusión das TIC e Internet no medio rural, nas que participaron máis de 1.500 cidadáns da provincia de Lugo e 6.000 en toda Galicia.
O presidente de Agestic, José María López Bourio, e o Alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, ofrecerán unha rolda de prensa posterior, para facer balance desta campaña de difusión e explicar datos e proxectos acometidos e por acometer.

PUBLICIDADE