Age of Empires estrea versión definitiva para Windows 10

martes, 20 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O xogo que sentou as bases do xénero da estratexia en tempo real, deixando un legado de dúas décadas de duración, volve na súa forma definitiva para PC, de xeito que na tenda de Windows 10 podemos mercar por 19,99 euros o xogo Age of Empires: Definitive Edition.
Esta edición do xogo ofrece máis de 40 horas de campañas actualizadas, cun ritmo e unha narración adaptadas aos tempos modernos; permite xogar en liña en batallas de até 8 xogadores; conta con novos modos competitivos; permite gozar de gráficos en ultra alta definición con animacións renovadas; e incluso conta cun creador de escenarios que poderemos compartir.
Esta revisión de Age of Empires permite gozar das posibilidades do servizo Xbox LIVE, comentar as xogadas mentres se comparten as partidas en liña en Mixer, gañar logros... en definitiva, gozar deste título coma se de calquera outro xogo moderno se tratase.
Para poder gozar deste título precisamos dun equipo con Windows 10 de 64 bits, procesador Intel i3/i5/i7 a 1,8 GHz Dual Core ou superior, gráfica Intel HD 4000 ou superior, 4 GB de RAM e entre 17 e 20 GB de almacenamento libre.

Age of Empires: Definitive Edition recupera o clásico da estratexia en tempo real renovando numerosos detalles para que poida xogarse dignamente en equipos actuais

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE