Age of Empires chegará a móbiles o 17 de outubro
martes, 20 de agosto do 2024
A partir de mañá celébrase a Gamescom en Colonia, e un dos xogos que vai ter presenza alí para promocionarse de cara ao seu lanzamento global o vindeiro 17 de outubro será o agardado Age of Empires Mobile.
TiMi Studios está a encargarse da adaptación desta reputada franquía de xogos a dispositivos móbiles, contando con múltiples modos para un xogador baseados na liñaxe de Age of Empires e que presentan os elementos máis representativos da serie orixinal; permitirá contruír un mundo medieval realista e animado con impresionantes civilizacións, cidades imperiais e figuras históricas (como Barbavermella, Xoana de Arco ou Leónidas I); con campos de batalla inmersivos que ofrece unha xogabilidade única no seu tipo, con asedios a castelos a grande escala, con armas realistas que se enfrontan a defensas multidimensionais nunha loita con milleiros de xogadores en todo o mundo; e instando ao xogador a empregar estratexias e xestionar múltiples tropas con microcontrol en tempo real.
Aínda que o xogo non estará dispoñible libremente até outubro, xa hai usuarios gozando da súa versión preliminar para iOS e para Android, polo que cando se produza o lanzamento global estaremos ante un produto moi pulido que busca captar aos seareiros deste tipo de xogos de estratexia que habitualmente gozan dos mesmos en PC.
- O xogo desenvolveuse dende cero buscando coller a remuda da serie clásica para PC