Age of Conan pecha 30 dos seus 48 servidores

martes, 13 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O xogo multiusuario en liña Age of Conan comezou con moita forza en Europa buscando competir co éxito de World of Warcraft, pero o público quedou moi decepcionado co título por presentar demasiados fallos, deixando en evidencia que se trataba dunha versión en probas o que non evitaba que se cobraran as mensualidades aos xogadores, de aí que aínda que nalgún país chegase a superar en vendas a grandes títulos coma Grand Theft Auto IV, a redución de usuarios está a decaer, polo que Funcom se ve forzada a reducir a infraestrutura que sostén o xogo.
A desenvolvedora de Age of Conan prevé pasar dos 48 servidores activos a nivel mundial a só 18, dos que 12 estarían en Europa, polo que entendemos que a súa aceptación nos EE.UU. foi realmente mala, mentres que no Vello Continente aínda conserva certa forza.
O xogo aínda podería recuperarse ao lanzar novos contidos e expansións, pero non parece que o futuro do mesmo vaia ser esperanzador, e o propio director do produto, Gaute Godager, deixou a compañía o pasado setembro, por non estar de acordo co rumbo que estaba a tomar a súa creación.

PUBLICIDADE