After Burner II, Out Run e outros clásicos de SEGA poderán xogarse na Nintendo 3DS

martes, 4 de novembro do 2014 Marcus Fernández

SEGA é consciente do efecto nostálxico que teñen os seus clásicos de máquinas recreativas, e quere volver a explotalos a través das actuais plataformas como a consola portátil Nintendo 3DS, para a que confirmou que vai lanzar varios dos seus títulos máis representativos. O primeiro xogo deste tipo que chegará a Europa a primeiros do ano que vén será 3D After Burner II, simulador de cazas aéreos deseñado por Yu Suzuki e que conserva boa parte da súa gloria pese a estarmos ante un xogo que veu a luz en 1987.
Estas revisións dos xogos de SEGA para a Nintendo 3DS custarán 4,99 euros, venderanse a través da Nintendo eShop chegarán mes a mes, estando xa confirmados os lanzamentos de 3D Fantasy Zone, 3D OutRun, 3D Fantasy Zone 2 e 3D Thunder Blade.
Podemos lembrar que a nova colección de máquinas recreativas do Internet Archive recolle algún destes xogos para poder gozar dos mesmos dende o navegador web. Concretamente permite xogar a Out Run e a After Burner II, xogos que marcaron unha época, aínda que boa parte da súa esencia non pode replicarse, xa que ambos títulos destacaban por contar con máquinas con mandos adaptados para o seu sistema de control.

PUBLICIDADE