Afeccionados crean un deseñador de niveis para Mega Man

martes, 11 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O xogo Super Mario Maker para Wii U e Nintendo 3DS converteuse en todo un éxito ao permitir que os propios usuarios sexan os que deseñen os niveis polos que pode moverse o seu fontaneiro virtual favorito, e tal concepto espertou o interese dun desenvolvedor de xogos de balde, WreckingPrograms, que xuntouse con varios colaboradores para facer realidade Mega Maker, un xogo feito por e para afeccionados que permite crear niveis personalizados do clásico de Capcom Mega Man.
O creador de niveis de Mega Maker conta con 46 inimigos, 29 obxectos de nivel, 12 xefes finais, 24 armas especiais, 40 fondos, 129 tilesets e 63 pistas musicais, de xeito que será posible tanto recrear niveis dos xogos orixinais como construír escenarios totalmente orixinais que poderán compartirse con outros usuarios.
Esta iniciativa naceu en setembro de 2016 como un proxecto individual sen orzamento, pero segundo foi avanzando sumou varios colaboradores e agora que está a achegarse a súa estrea oficial o vindeiro sábado teñen en marcha un Patreon para recibir doazóns que permitan sufragar os gastos de hospedaxe web que precisará o xogo (principalmente para a funcionalidade que permita compartir as creacións a través da Rede).
Cómpre dar conta de que Mega Maker non ten ningunha relación con Capcom, pese a empregar a súa propiedade intelectual, o que supón un grande risco para este proxecto, xa que os propietarios de Mega Man poderían forzar a retirada deste proxecto da Internet.

Tráiler de Mega Maker

PUBLICIDADE