Aerocamaras forma en pilotaxe de drons en emerxencias a unha ducia de profesionais de toda España

xoves, 28 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Unha ducia de profesionais chegados de diferentes recantos de España participaron esta semana en Vilamarín, Celanova e Cortegada (Ourense) nunha nova edición do Curso Oficial de Piloto de Drons en Emerxencias e Seguridade da empresa galega Aerocamaras. Segundo informaron os responsábeis da actividade, que se desenvolveu o martes e o mércores, “trátase dunha formación pioneira, xa que foi a primeira destas características en ser recoñecida oficialmente en España tras ser homologada pola AGASP (Academia Galega de Seguridade)”. No curso, os participantes fixeron prácticas para coñecer de primeira man as utilidades e potencialidades dos vehículos aéreos non tripulados para situacións de risco.
O primeiro día, os alumnos foron recibidos no Pazo de Vilamarín para, despois dunha introdución teórica, afrontar a vertente práctica: o miolo do curso. As primeiras demostracións e prácticas consistiron no uso de drons para o transporte de material de seguridade e emerxencias e na entrega de material de rescate a vítimas. Logo, fixéronse procuras e rescates con aeronaves equipadas con cámaras térmicas, de gran utilidade para labores como a localización de persoas perdidas en grandes áreas de terreo.
Na primeira xornada práctica a actividade desenvólvese no parque empresarial e no heliporto de Celanova. Como inicio, levouse a cabo un plan perimetral de seguridade para, posteriormente, realizar o estudo dunha contorna afectada por un accidente (neste caso un incendio simulado) con análises térmicas e localización de vítimas para a súa evacuación. A xornada incluíu un rescate en altura e, xa pola tarde, unha procura de vítimas nun accidente cun camión que transportaba mercadorías perigosas.
A clausura do curso fíxose en Cortegada de Baños, onde se levaron a cabo rescates acuáticos, demostrándose a gran utilidade dos drons para estas situacións, xa que son quen de transportar material salvavidas ás vítimas até a chegada dos servizos de emerxencias.
Durante o curso Aerocamaras puxo o foco nas posibilidades dos vehículos aéreos máis avanzados, é o caso do AeroHibrido, desenvolvido pola propia empresa galega, que conta coa peculiaridade de “ser o multirrotor con maior autonomía de voo do mundo”, sinalaron os responsábeis da compañía, salientando, tamén, o seu carácter híbrido: combina gasolina con electricidade e pode voar até 7 horas e transportar cargas de até 5 quilos. “O AeroHibrido é unha ferramenta perfecta para realizar traballos de apoio en situacións de emerxencias e seguridade, como extinción de incendios, localización de vítimas en grandes áreas, rescates acuáticos e en altura; inspeccións técnicas, traballos audiovisuais e traslado de mercadorías”, explicaron os responsábeis de Aerocamaras.

PUBLICIDADE