Adobe anuncia o desenvolvemento dunha versión en liña e de balde do Photoshop

mércores, 12 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Se comezamos a pensar nas ocasións en que nos topamos cunha lousa ó requirirlle a un computador que nos facilite o tratamento dunha imaxe calquera, non nos chegarían na meirande parte dos casos cos dedos das mans para contalas. Quen non se ten sentido especialmente agresivo co equipo dun ciber ou dunha oficina que vén pelado no que a programas de retoque de material gráfico se refire? Porén, os tempos semella que van mudando. Se hai uns poucos días falabamos nesta mesma web dun programa en liña de balde, o Picnik, agora toca falar de Photoshop Express, un servizo gratuíto en preparación que constituiría a aposta definitiva de Photoshop por sementar a leira da Rede e, se cadra, o principio da fin de todo programa non concibido para ser descargado directamente da Internet.
Porén, do servizo no que está a traballar Adobe pouco se sabe. Unicamente temos entre mans unha captura e algo de información achegada polo propio John Nack (o xefe de proxecos da casa) no seu blog: será unha aplicación máis sinxela cá que xa coñecemos, máis limitada e de emprego rápido, pero probablemente útil abondo para a maior parte dos internautas, sempre e cando estes non sexan fotógrafos ou deseñadores profesionais, que requirían unha listaxe máis completa de funcións. Segundo engade Adobe, está tamén en preparación o Adobe Premiere Express.

PUBLICIDADE