Adidas estrea auriculares de diadema con carga solar

xoves, 18 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Aínda que non sexa unha marca moi coñecida polos seus auriculares, Adidas ten un completo catálogo destes dispositivos, aos que nos vindeiros días se sumarán os Adidas RPT-02 SOL, auriculares que na súa diadema integran a tecnoloxía Powerfoyle de Exeger (como os JBL Reflect Eternal), ou sexa, que aproveita a luz natural e artificial para cargar a batería dos auriculares, que teñen unha autonomía de até 80 horas de reprodución.
Os Adidas RPT-02 SOL non só gozan de grande autonomía apoiada pola carga solar, senón que tamén están deseñados para a práctica deportiva, de aí que teñan resistencia IPX4 e a parte inferior da diadema e as almofadas para as orellas sexan extraíbles e lavables.
Estes auriculares Bluetooth 5.2 teñen un control intuitivo medante un botón de control de 5 funcións e un botón de acción (indicador de estado luminoso programable a través dunha aplicación móbil); contan con drivers de grande tamaño (45 milímetros); integran micrófono compatible con asistentes de voz; e poden mercarse a un prezo de 229 euros.

PUBLICIDADE