Adiantan o que serán os novos lectores de e-book de Sony

luns, 3 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Sony continúa a súa aposta polos dispositivos de lectura de libros electrónicos, e nos últimos días filtráronse as especificacións dos seus novos lectores que chegan con pantallas de E Ink de 5 e 6 polgadas que porán á venda por 199 e 299 dólares respectivamente (138,16 e 207,52 euros).
O PRS300-RC Reader Pocket Edition será o dispositivo máis básico, cunha pantalla de tinta electrónica de 5 polgadas cunha resolución de 800 x 600 píxeles con 8 niveis de gris e unha autonomía para ler unhas 7.500 páxinas. Poden cargarse a súa batería e os seus contidos a través dun porto USB 2.0 e pode ler documentos EPUB, BBeB Book, PDF, RTF, Word e texto plano. O seu reducido prezo (199 dólares) podería convertelo nun produto de éxito no vindeiro Nadal.
Pola súa banda, o PRS600-SC Reader Touch Edition ten un prezo bastante superior (299 dólares) cando só ten unha polgada máis na súa pantalla e a mesma resolución, pero incorpora tecnoloxía táctil que facilita pasar as follas cos dedos ou a toma de notas mediante unha stylus. Inclúe 512 de Mb integrada, a mesma autonomía e o mesmo soporte de formatos de e-book que o seu irmán cativo, pero tamén permite a reprodución de MP3 e AAC e a visualización de imaxes en JPEG, PNG, GIF e BMP.

PUBLICIDADE