Adiantan o que será o novo eReader de Sony con pantalla táctil e Wi-Fi

venres, 10 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Aínda que os lectores de libros electrónicos de Amazon e Barnes&Noble parezan estar a dominar moitos mercados, continúan no mercado os eReaders de fabricantes que non se dedican principalmente á venda de libros como Sony, que teñen que reaccionar mellorando os seus produtos e axustando os seus prezos á competencia, e así podemos ver un adianto do Sony PRS-T2/HBC, dispositivo para o que xa aceptan reservas a un prezo de 129,99 dólares (uns 106 euros) mentres que o seu predecesor (o PRS-T1) ten un prezo recomendado de 159 dólares (en España véndese por 159 euros), ou sexa, que podemos agardar que o novo trebello chegue a Europa a un prezo de 129 euros.
O novo eReader conta cunha pantalla táctil E Ink Pearl de 6 polgadas cunha resolución de 600 x 800 píxeles, lector de tarxetas microSD, a posibilidade de realizar anotacións e destacar textos, unha batería que permite unha autonomía de ata 2 meses e inclúe unha copia do primeiro libro da saga de Harry Potter.
O Sony PRS-T2 presume de ser o eReader de 6 polgadas máis lixeiro do mundo (menos de 170 gramos), ten un grosor de 9,6 milímetros, conta con conectividade Wi-Fi para acceder a numerosos libros de balde ou adquirir publicacións da Sony Reader Store, integra 6 dicionarios con funcións de tradución (a inglés, francés e español) e é capaz de ler documentos en multitude de formatos como PDF e ePUB.

PUBLICIDADE