Adiantan a distribución de copias de Final Fantasy VII Remake

luns, 30 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O sector dos videoxogos está a vivir unha situación crítica por mor da COVID-19 ao combinarse máximos históricos do xogo en liña con problemas na distribución física por mor do confinamento, o que podería ter repercusións a longo prazo para as tendas físicas, acelerando unha transición ao dixital que en mercados como o español estaba a ser moi paulatina.
Un dos lanzamentos que está a servir como termómetro da situación é Final Fantasy VII Remake, título moi agardado e no que se fixo un grande investimento en marketing, que ten fixada a súa data de lanzamento no 10 de abril, polo que existe certo temor de que nos países máis afectados polo coronavirus o xogo non chegue aos consumidores a tempo, e moitos opten pola súa versión descargable, ocasionando grandes perdas para as distribuidoras locais e pequenos vendedores, de aí que os responsables do xogo decidisen lanzar un comunicado no que aseguran que a distribución de copias físicas en Europa e Australia vai adiantarse, procurando así que cheguen a tempo para que a estrea do xogo o 10 de abril poida ser global, aínda que advirten que non poden garantir que a data vaia cumprirse en todos os territorios.
Os responsables do agardado xogo entenden que estas medidas extraordinarias poden provocar tanto adiamentos na entrega como entregas anticipadas, polo que pregan aos xogadores que poidan facerse cunha copia antes de tempo a que reserven as súas impresións iniciais para si mesmos, e que non estraguen as sorpresas que agocha o xogo ao resto do mundo.

Final Fantasy VII publicouse en 1997, deixando unha fonda pegada en moitos xogadores que levan anos agardando polo seu remake.

PUBLICIDADE