Adeus BlackBerry 10, ola BlackBerry Priv

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Co gallo do CES de Las Vegas chegan un par de interesantes novas por parte de BlackBerry, como son que dende onte mesmo o terminal BlackBerry Priv está dispoñible en España a un prezo de 779 euros, e as declaracións do director xeral da compañía, John Chen, a Cnet, medio ao que dixo nunha entrevista que non lanzarán máis smartphones con BlackBerry 10, de xeito que todos os seus futuros teléfonos funcionarán con Android.
Confírmase así que o lanzamento de BlackBerry Priv é un camiño sen retorno, no que a compañía canadense dá o brazo a torcer para aceptar o sistema operativo que dominio o mercado mundial na actualidade. Amais, o desenvolvemento do software de comunicación e seguridade que caracteriza a BlackBerry adaptado a Android ábrelles a porta a novas oportunidades que van máis aló dos teléfonos fabricados por eles mesmos, podendo tirar así un maior proveito dos seus servizos, por centrar os seus esforzos nunha plataforma móbil de grande implantación global.
Con isto non quere dicir que os vellos terminais de BlackBerry queden sen soporte, xa que continuarán a venderse polo momento, senón que só significa que BlackBerry non continuará a investir no seus sistema operativo.

BlackBerry Priv

O novo smartphone de BlackBerry é un dispositivo bastante completo e, pese a ter un prezo que a meirande parte dos consumidores considerará excesivo, parece un produto bastante ben rematado para convencer aos fieis seguidores da marca, que poderán manter o teclado físico (agora deslizante) sen ter que prescindir das vantaxes dunha grande pantalla tácitl.
O BlackBerry Priv conta cunha pantalla AMOLED de 5,4 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles con protección Corning Gorilla Glass 4, procesador Qualcomm Snapdragon 808 de 64 bits e 4 + 2 núcleos, 3 GB de RAM de baixo consumo, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), cámara traseira de 18 Mpíxeles con estabilización óptica e gravación de vídeo 4K, cámara frontal de 2 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, 4G, batería de 3.410 mAh (o que achegaría até 22,5 horas de autonomía), un grosor de 9,4 milímetros e un peso de 192 gramos, destacando por ser o primeiro terminal de BlackBerry por funcionar con Android 5.1.1.

Vídeo no que repasan as prestacións do BlackBerry Priv

PUBLICIDADE