Adaptan o xogo Space Ace ao iPhone

venres, 29 de maio do 2009 Marcus Fernández

Na actualidade moitas películas en DVD inclúen entre os seus extras uns pequenos xogos para entreter aos cativos, algo que en 1983 e 1984 xa permitían as máquinas recreativas de Dragon’s Lair 1 e 2 e Space Ace, grazas á integración no seu interior dun Laser Disc con secuencias de animación obra de Don Bluth. Estas obras calaron profundamente entre o público, o que fixo que hai uns anos aparecesen revisións das mesmas para PC (editadas en España por FX Interactive) e DVD; e agora dende Digital Leisure están a levar esta experiencia ao Blu-Ray e incluso a colaborar con Dragon’s Lair LLC para adaptar os xogos ao iPhone.
Para comezar, esta semana saíu á venda a través da App Store de Apple unha adaptación de Space Ace para iPhone e iPod Touch, que pode adquirirse por 3,99 euros e permite así lembrar o xogo animado no que encarnamos a un Ace que debe enfrontarse ao malvado comandante Borf para salvar a Terra e á súa fermosa moza Kimberly, para o que simplemente haberá que premer unha tecla virtual de dirección axeitada nun momento puntual para guiar ao personaxe na dirección axeitada ou facer uso a súa arma.

PUBLICIDADE