Acusan a Binance de infrinxir a lexislación estadounidense

martes, 28 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Tras a caída de Terra/Luna e a bancarrota de FTX, o mercado das criptomoedas entrou nunha crise que ameaza con levar por diante ao seu axente máis importante, xa que o intercambiador de criptomoedas Binance, ten que enfrontarse agora á Comisión de Comercio de Futuros de Produtos Básicos, que considera que Binance violou distintas normativas de mercado e finanzas.
A CFTC asegura que Binance non se rexistrou no organismo para poder desenvolver a súa actividade de compra e venda de criptomoedas nos EE.UU., e Binance «non supervisou axeitadamente as actividades e actuacións de Binance e, de feito, facilitou activamente as violacións da lexislación estadounidense» chegando a acusalos de ser cómplices de violacións da lexislación (instruíndo aos usuarios a empregar VPN para poder acceder á plataforma dende EE.UU.).
Binance non só está baixo a lupa da CFTC, senón que tamén a SEC (equivalente da CNMV), o IRS (equivalente á Facenda) e varios fiscais federais estarían a investigar as actividades de Binance, polo que parece que estamos a piques de presenciar a caída dun xigante, que suporía un duro golpe para todo o sector cripto.
Cómpre salientar que Binance non é unha compañía especialmente respectuosa coas lexislacións locais, e no caso español negouse a comparecer en causas contra a compañía por estafa e apropiación indebida.

PUBLICIDADE