Activision sortea 20 unidades de Enemy Territory: Quake Wars

luns, 2 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Celebrar a chegada dun videoxogo (xa de por si agardado polos seareiros) entregando de balde unhas cantas copias non semella a peor das estratexias de promoción. Esta precisamente foi a elixida por Activision para dar a coñecer no mercado español das novas consolas o seu xogo Enemy Territory: Quake Wars, un proposta ambientada nuns escenarios de sobre coñecidos polos afeccionados: os do universo Quake. O caso é que a dita casa sorteará 20 unidades de Enemy Territory entre aqueles que participen na web www.activision2007.es/etqw rexistrando o nome elixido para un dos invasores alieníxenas Strogg, presentes no argumento do xogo.
Segundo informa Activision, os vinte nomes máis orixinais recibirán como premio unha copia do título para Play Station 3.
Polo que respecta ao xogo en si mesmo, dicir que o seu argumento transcorre en 2065 e que se trata dun novo exemplo de xogo bélico multixogador baseado en misións. Pódese tirar partido del por equipos e achega incontables xeitos de afrontar unha batalla, segundo informa a casa responsable. A idea non é outra traballar en mancomún para derrotar ó inimigo. Os xogadores poderán facelo con Rede ou sen Rede. Se optan polo primeiro, dicirlles que na propia web do xogo teñen á súa disposición unha comunidade en liña onde se dá conta dos mellores xogadores da serie e dos prestixios acadados con meirande esforzo e habilidade.

PUBLICIDADE