Achegan a través de Kickstarter unha cámara de 360 graos

xoves, 7 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Facer imaxes en 360 graos é normalmente unha tarefa complexa na que hai que disparar varias fotografías ao redor dun único punto para xuntalas nun equipo informático para combinalas nunha única imaxe que logo pode explorarse dun xeito semellante a Google Street View, e para facilitar a creación deste tipo de imaxes inmersivas propoñen agora a Bublcam, un dispositivo portátil de forma esférica que integra catro cámaras cun grande angular para poder capturar imaxes de 360 graos dun xeito doado e áxil a un prezo relativamente asumible.
Para que esta solución vese á luz organizouse unha campaña de micromecenado a través de Kickstarter que xa acadou os fondos precisos para garantir o seu éxito, e que neste momento facilita a compra dunha destas Bublcam por 449 dólares canadenses (341 euros con portes incluídos), o que parece un prezo bastante axustado para unha cámara que tanto pode tomar fotografías de 14 Mpíxeles como gravar vídeo a 720p e 30 imaxes por segundo ou a Full HD a 15 imaxes por segundo, algo imposible de facer cunha cámara ordinarias. Amais, esta solución integra Wi-Fi (polo que permitiría realizar streaming de vídeo de 360 graos en tempo real) e pode gardar as imaxes e vídeos capturados en tarxetas de memoria SD ou en unidades USB.
Este tipo de cámaras non só poderían empregarse para emular ao Google Street View, senón que poderían ter grandes utilidades para capturar actividades deportivas, retratar localizacións nas nosas viaxes, gravar momentos familiares e incluso para labores de vixilancia, achegando unha experiencia inédita ata o momento, que dependerá principalmente do proveito que os desenvolvedores saiban tirar deste produto.
A campaña de captación de fondos deste proxecto iniciado esta mesma semana rematará o 14 de decembro e pretende comezar a remitir cámaras aos mecenas que apoiaron o proxecto a partir de maio de 2014.


Vídeo de presentación da Bublcam

PUBLICIDADE