Acer presenta un portátil con pantalla curva

mércores, 31 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Aínda que os xogadores de PC tenden a recorrer a ordenadores a sobremesa potentes e actualizables, existe todo un mercado de portátiles para gamers, que teñen agora como expoñente máis innovador o novo Acer Predator 21 X, o primeiro portátil con pantalla curva, a última tecnoloxía de seguimento da mirada e unha potente gráfica, de xeito que sería máis que suficiente para a meirande parte de xogadores e podería chegar a asustar ao resto de consumidores pola súa rotunda aparencia física.
Este novo portátil sorprende pola súa pantalla IPS curva de 21 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.080 píxeles, que achega unha experiencia de xogo moi inmersiva, e que busca conseguir un control máis intuitivo mediante a integración da tecnoloxía de seguimento da mirada de Tobii. A nivel de potencia tampouco queda curto, xa que falamos dun equipo con procesadores Intel Core de sétima xeración e dobra gráfica nVIDIA GeForce GTX 1080 e un impresionante sistema de son SoundPound 4.2+ (con 4 altofalantes e 2 subwoofers).
Para poder manter refrixerado este portento intégranse 5 sistemas de ventiladores dos que 3 serían ventiladores de metal ultradelgados AeroBlade, que buscarían conseguir que os xogos puidesen gozarse á máxima calidade sen ter que reducir a potencia do equipo por mor da disipación de calor. Incluso o teclado é de grandísima calidade, xa que trátase dun teclado mecánico de tamaño completo con interruptores Cherry MX, acompañado por un touchpad de grande precisión.
Este impresionante ordenador non chegará ás tendas até primeiros de 2017, e aínda non adiantan o que será o seu prezo, que posiblemente asuste tanto como os seus 8 quilos de peso (pondo bastante en dúbida o que entendemos actualmente por ordenador portátil).

Vídeo de presentación do Acer Predator 21 X

PUBLICIDADE