Acer presenta un novo tablet de 7 polgadas con boas prestacións e prezo axustado

luns, 7 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A chegada do Nexus 7 de Google supuxo unha revolución para os tablets ao colocar no mercado un dispositivo de altas prestacións a un prezo asumible, e moitos fabricantes están intentando seguir nesa liña para chegar cada vez a un público máis amplo, chegando así o Acer Iconia B1-A71, que cunha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador Mediatek de dobre núcleo a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno busca converterse nun grande tablet de entrada cun prezo que agárdase que sexa inferior aos 150 dólares.
O Acer Iconia B1-A71 tamén resulta moi interesante como segundo tablet, de xeito que o seu prezo axustado permitiría que puidesen empregalo os pequenos da casa sen temer constantemente pola súa integridade. Aparte das características comentadas, este novo tablet tamén conta con Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, GPS, lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámara frontal de 0,3 Mpíxeles, micro USB, altofalante interno, toma de auriculares, batería de 2.710 mAh, unhas dimensións de 197,4 x 128,5 x 11,3 milímetros e un peso de 320 gramos. Un produto que parece ser máis que suficiente para acceder á web, reproducir contidos multimedia e mesmo ler libros electrónicos, estando aberto ao completo catálogo de xogos e aplicacións dispoñibles para Android 4.1 e marcando a pauta do que podería ser unha futura renovación do tablet de Google (pois hai rumores que indican que buscan popularizar aínda máis o seu prezo).

PUBLICIDADE