Acer pon á venda un Chromebook a só 199,99 dólares

venres, 15 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Preparándose para a campaña de Nadal, Acer está a revisar o seu Chromebook C270, presentando agora unha versión lixeiramente recortada para axustar o seu prezo, pasando de 249,99 a 199,99 dólares (148,25 euros) o que o converte nun ordenador portátil moi asumible para ter unha pantalla de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles e unha autonomía de ata 8,5 horas.
O Acer C720 funciona cun procesador Intel Celeron, 2 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno, aínda que este último detalle non debería ser moi importante, pois ao funcionar con Chrome OS está orientado ao seu uso conectado á Rede (inclúe 100 Gb de almacenamento en Google Drive durante 2 anos). Pode ler tarxetas SD, ten portos USB 2.0 e 3.0 e incluso pode conectarse a un monitor externo a través de HDMI.
Temos así un equipo bastante práctico para ver vídeos, navegar pola Rede e traballar, centrando o seu uso nos servizos de Google coa garantía de que non se vai ver prexudicado por malware e con vantaxes como que o sistema inicia en menos de 7 segundos e o seu rendemento non se degrada co tempo.

PUBLICIDADE