Acer podería estar a preparar un tablet de 8 polgadas con Windows 8

martes, 23 de abril do 2013 Marcus Fernández

Imaxe do Acer Iconia W3 filtrada por Minimachines.net

Nas últimas semanas hai numerosos rumores sobre o futuro de Windows 8, uns que apuntan a que a seguinte versión do sistema podería recuperar o botón de inicio e a posibilidade de iniciar directamente no escritorio (sen pasar polo menú de baldosas deseñado pensando en interfaces táctiles), e outros referidos ao feito de que Microsoft estaría a explorar a posibilidade de levar Windows 8 a tablets de pequeno tamaño, algo que parece case confirmado despois de que un blog francés filtrase unha imaxe do que sería o Acer Iconia W3, un tablet co sistema operativo de Microsoft cunha pantalla de 8 polgadas. Minimachines.net eliminou as imaxes sobre tal dispositivo a petición de Acer, o que dá inda máis credibilidade a tal información (polo que é de agardar que nas vindeiras semanas vexa a luz oficialmente).
O Acer Iconia W3 funcionaría cun procesador Intel Atom Z2760 a 1,8 GHz, 2 Gb de RAM e cámaras frontal e traseira, que resultaría atractivo polo feito de permitir soster un ordenador completo cunha man, contando tamén cun accesorio que sería un teclado que podería facer tanto de protector de pantalla como de bases para manter o tablet como se fose a pantalla dun portátil.

PUBLICIDADE