Acer lanza un novo portátil convertible económico

xoves, 23 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses os fabricantes de informática de consumo están a sorprender con equipos portátiles moi completos a prezos moi axustados, e nesta liña, sen agardar á chegada de Windows 10, Acer pon á venda nos EE.UU. a un prezo de só 199,99 dólares un o seu novo convertible Acer One 10, que inicialmente vén con Windows 8.1 with Bing (actualizable a Windows 10) e que é de agardar que en poucas semanas chegue a Europa.
O Acer One 10 é un portátil que tamén pode funcionar como tableta ao desprenderse do seu teclado, que conta cunha pantalla táctil IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, procesador Intel Atom Z3735F de catro núcleos a 1,33 GHz, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD/microSDXC), Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 8.400 mAh e 1,19 quilogramos de peso.
Cómpre destacar que a pantalla conéctase á súa base-teclado mediante unha bisagra magnética libre de pechos, de xeito que fai moi doada a separación da pantalla e permite incluso a súa posición en dúas posicións (mirando cara o teclado ou cara afora) que dota ao equipo de grande versatilidade (xa que permite que o coloquemos en diferentes posicións en función do uso que lle deamos no escritorio ou nas mans).

A pantalla do portátil pode colocarse en dous sentidos diferentes na súa bisagra

PUBLICIDADE