Acer anuncia o seu primeiro tablet PC con Windows 8

xoves, 4 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Acer vén de anunciar que acompañando ao lanzamento do Windows 8 o vindeiro día 26 vai pór á venda o seu Acer Iconia W700, que chega coa potencia dun ordenador portátil na forma dun tablet e que terá un prezo nos EE.UU. de entre 799,99 e 999,99 dólares.
Este equipo que funciona con Windows 8 conta cun procesador Intel Core de nova xeración (i3 e i5, segundo o modelo), pantalla IPS de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles e detección de ata 10 puntos, gráfica Intel HD 4000, saída micro HDMI (cun adaptador a VGA para poder empregar proxectores de vídeo), unidade SSD de 64 ou 128 Gb, inicio rápido (6 segundos) saíndo de repouso en aínda menos tempo (1,5 segundos), cámara traseira de 5 Mpíxeles e cámara frontal que permite capturar vídeo a 720p, Wi-Fi N e unha batería que achégalle unha autonomía de ata 8 horas.
O Acer Iconia W700 inclúe un soporte ao que conectarse para facilitar o seu uso cunha inclinación de 70 graos (pensando na visualización de contidos) ou de 20 graos (para utilizalo de xeito táctil sobre unha mesa). Tamén facilita a colocación do tablet en vertical para funcións de navegación web e lectura.

O Acer Iconia W700 vén cun soporte para facilitar o seu uso en inclinacións de 20 e 70 graos

PUBLICIDADE