Acer Aspire V Nitro, un portátil optimizado para os xogos e a reprodución multimedia

xoves, 14 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Pensando nos usuarios que gustan dos videoxogos e dos contidos multimedia Acer presentou a nova familia de portátiles Aspire V Nitro, que en pantallas IPS Full HD de 15 e 17 polgadas ofrecen potencia dabondo como para poder correr os últimos xogos e películas en Blu-ray dende un equipo de coidado deseño.
Os novos Acer Aspire V Nitro con portátiles con procesadores Intel Core de cuarta xeración, con gráficas até unha nVIDIA GeForce GTX 860M (para ter un bo desempeño en xogos), que tamén accederá á Rede a grande velocidade grazas á súa tecnoloxía de antenas sen fíos MIMO 2x2.
Para poder manter este equipo cun funcionamento óptimo incorpora un ventilador de metal de alta velocidade que xunto coa tecnoloxía DustDefender de Acer (que elimina o po interno do equipo) consegue tamén alongar a vida do equipo. A versión Black Edition deste ordenador, dirixida aos usuarios que esixen un mellor rendemento, tamén inclúe un modo Turbo que acelera un 19% o ventilador interno, o que reduce un 11% a temperatura dos procesadores principal e gráfico.
O Aspire V Nitro tamén coida o aspecto sonoro, integrando 4 altofalantes que conseguen unha saída de 8W en total. Conta con opcións de unidade de Blu-ray (competible con discos M-Disk), disco duro de até 3 Tb ou unidade SSD de 256 Gb. Un equipo que espérase que chegue ás tendas españolas no mes de outubro por prezos de entre 899 e 1.499 euros.

O equipo ten un deseño delgado e un teclado retroiluminado

PUBLICIDADE