Ábrese globalmente o programa de probas do xogo en streaming dende consolas Xbox One

xoves, 16 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Microsoft está a abordar a tecnoloxía de xogos na nube dende distintos ángulos, sendo unha destas faces o servizo Xbox Consola Streaming, que en vez de permitir xogar a través de streaming a títulos que corran en servidores de Microsoft, corre os xogos nunha consola Xbox tradicional, permitindo o xogo remoto a través de dispositivos móbiles (smartphones ou tabletas).
Poder gozar dos xogos de Xbox One de xeito remoto é unha funcionalidade curiosa, que permite botar unha ollada a certas posibilidades que serán moi habituais no futuro, e que até o momento estaba limitada a uns poucos territorios (EE.UU. e Reino Unido), pero o xefe de programación de Xbox LIVE, Larry Hryb, anunciou hoxe que a versión preliminar de Xbox Console Streaming ábrese a usuarios de todos os países con Xbox LIVE.
A función de xogar en streaming á Xbox One precisa da adhesión ao programa Xbox Insider, e esixe que teñamos un smartphone ou tableta con Android 6.0 ou superior con Bluetooth 4.0, un mando sen fíos de Xbox One con Bluetooth, unha conta de Microsoft cun perfil de Xbox e unha conexión á Rede cunha velocidade de subida mínima de 4,75 Mbps (recomendando 9 Mbps) e cunha latencia de 125 milisegundos (recomendado 60 milisegundos ou menos).
Estas probas facilitarán a detección de problemas e a corrección de erros antes do lanzamento oficial desta funcionalidade que leva o xogo de consolas de sobremesa a dispositivos móbiles, achegándonos a un futuro no que os grandes videoxogos serán ubicuos.

PUBLICIDADE