Ábrese a reserva dos novos modelos de consolas Xbox
xoves, 22 de agosto do 2024
No mes de xuño Microsoft desvelou que estaba a preparar novos modelos das súas consolas Xbox Series X|S, que non contan con novas prestacións, senón simplemente novas opcións de configuración no que se refire a capacidade de almacenamento, cor da carcasa e presenza do lector de disco. Agora xa sabemos que as novas consolas estarán dispoñibles a partir do 15 de outubro, abríndose xa o seu proceso de reserva.
As consolas en concreto serán a Xbox Series S en cor branca (Robot White) cunha capacidade de almacenamento de 1 TB cun prezo oficial de 349,99 euros, a Xbox Series X en cor branca (Robot White) cunha capacidade de almacenamento de 1 TB sen lector de discos cun prezo oficial de 449,99 euros e, como grande novidade, unha Xbox Series X con 2 TB de almacenamento e un prezo de 649,99 euros, que destaca esteticamente por contar cun mando negro coa traseira en verde, así como unha base tamén en cor verde (Velocity Green) e pequenas pintas na carcasa na mesma cor, acento que facilita a súa diferenciación da tradicional versión con 1 TB de capacidade. Esta última consola venderase en exclusiva a través da tenda en liña de Microsoft.
- A Xbox Series X con 2 TB de capacidade presenta detalles en verde que facilitan a súa identificación e só poderá adquirirse en liña