Ábrese a reserva das 3 edicións do xogo Star Wars: The Old Republic

xoves, 28 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Electronic Arts desvelou que o xogo de rol en liña Star Wars: The Old Republic vai contar con 3 edicións (a Standard Edition, a Digital Deluxe Edition e a Collector’s Edition) que xa poden reservarse, o que parece estar a facerse de xeito masivo, superando as expectativas de EA Games (pois incluso sobrepasou ao agardado Battlefield 3).
Actualmente hai milleiros de usuarios participando na fase de proba do xogo, e a reserva do título final permitirá un acceso ao mesmo antes do lanzamento oficial, á vez que distintos contidos adicionais. No caso da edición Standard, que xa pode reservarse en España por 9,95 euros (que descontaranse do prezo do xogo final) ou por 5 euros (se optamos pola edición en descarga do xogo, que custará 54,99 euros), o único contido adicional que conseguiremos será unha pedra de cor (para poder mudar a cor da nosa espada de luz), mentres que a Digital Deluxe Edition (dispoñible só en descarga por 74,99 euros) incluirá tamén unha pistola de bengalas, un droide de adestramento, unha bailarina holográfica, unha cámara holográfica e un vehículo persoal coñecido como STAP.

A edición para coleccionistas do xogo parece bastante completa, o que agradecerán os seareiros da saga creada por George Lucas

A Collector’s Edition si promete ser todo un luxo (que non sairá barato, pois o seu prezo será de 149,95 euros) e aparte dos mencionados contidos descargables (aos que habería que engadir un droide rato e tenda) tamén incluirá complementos físicos: unha estatua de Darth Malgus, o diario do mestre jedi Gnost-Dural, a banda sonora de The Old Republic en CD, unha chave de seguridade e un mapa da galaxia do xogo.
Todas as versións do xogo incluirán 30 días de acceso ao mesmo, e promete ser todo un éxito, asegurando os seus responsables que está deseñado pensando en manter o seu universo virtual vivo durante varios anos, o que debería de ser unha garantía para os amantes deste tipo de xogos masivos en liña.

PUBLICIDADE