Ábrense as reservas dun libro que repasará visualmente a historia da Neo-Geo

luns, 3 de xullo do 2017 Marcus Fernández

En abril comentamos a grande demanda que tiña o proxecto de micromecenado do británico Sam Dyer para editar un libro no que facía un repaso visual da historia de consola Super Nintendo, que conseguiu 5.102 patrocinadores que achegaron 224.813 libras esterlinas (256.424 euros) cando a súa meta para que o volume vise a luz estaba fixada nas 25.000 libras. En vista da reputación que está a consolidar o selo editor, Bitmap Books, decidiron absterse de volver a recorrer a unha plataforma de micromecenado, e para a súa vindeira obra optan directamente por aceptar reservas a partires de hoxe, xa que son conscientes das elevadas vendas que van ter, e o feito de poder acadar financiamento mediante compras anticipadas fai doado que que obra chegue ao mercado cunha tiraxe axeitada e nunha edición sumamente coidada.
O libro do que estamos a falar é NEOGEO: A Visual History, ou sexa, unha historia visual da Neo-Geo, unha das plataformas para máquinas recreativas de máis éxito que dominou os salóns recreativos a primeiros dos anos 90 e serviu para consolidar numerosas franquías que aínda hoxe están moi vivas.
Podemos considerar que a Neo-Geo foi a plataforma que levou os gráficos 2D ao seu máximo expoñente, ou sexa, que tras esta máquina o mercado pivotaría cara aos gráficos 3D, o que provocou grandes cambios nos xéneros que se puxeron de moda e no xeito de desenvolver videoxogos.
A nova publicación de Bitmap Books sería o primeiro libro de arte con licenza de Neo-Geo editado en inglés, no que os seus responsables consideran que é unha celebración visual que tanto explora o hardware como os deseños artísticos das caixas dos xogos, os deseños dos seus personaxes e incluso recollerá deseños conceptuais para algúns xogos. Non faltan entrevistas a figuras históricas da Neo-Geo nas 400 páxinas en formato DIN A4 que buscan converterse en toda unha peza de culto que conservarase en tapa dura e páxinas cosidas.
Este libro chegará ao mercado no mes de setembro a un prezo de 29,99 libras (34,17 euros), aínda que tamén estarán dispoñibles un par de edicións máis luxosas: unha para coleccionistas exclusiva para compras anticipadas e cun prezo de 49,99 libras e outra máis completa que estará limitada a 330 unidades e terá un prezo de 69,99 libras.

PUBLICIDADE