Ábrense as reservas do iPhone X

venres, 27 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Esta mañá abriuse a reserva do iPhone X na tenda en liña de Apple e en numerosos establecementos comerciais de toda España, de xeito que os máis afortunados poderán facerse cun destes novos smartphones o venres que vén, aínda que a meirande parte de usuarios terán que esperar máis dun mes para recibilo, xa que o número de unidades producidas non chega para satisfacer a demanda inicial, de xeito que conseguir un destes teléfonos antes de que remate o ano non parece que sexa doado, de xeito que o seu elevado prezo non está a mitigar a situación.
O novo teléfono pode adquirise en dous acabados (con traseira en cor prata ou gris espacial) e en dúas capacidades (64 e 256 GB) con prezos de 1.159 e 1.329 euros respectivamente, o que está a ter como consecuencia que os modelos máis asumibles sexan os primeiros en esgotar unidades de reserva en varias cadeas comerciais. Amais, aínda que nos primeiros minutos (a reserva abriuse ás 9:01 horas) xa de indicaba que os teléfonos poderían non chegar aos compradores até dentro de 4-5 semanas, pero un par de horas despois xa se indica que o prazo de espera podería ser de 5-6 semanas, constatando os problemas de subministro dos que se viñan falando nas anteriores semanas.
Temos que lembrar o iPhone X é o redeseño dos smartphones de Apple máis drástico dos últimos 10 anos, xa que por primeira vez prescíndese dun elemento tan icónico como o botón de inicio redondo na parte frontal, que desta volta está ocupada por unha pantalla Super Retina de 5,8 polgadas que case non presenta marcos, de xeito que convértese na grande protagonista do novo dispositivo que tamén prescinde do lector de pegadas dixitais para apostar polo recoñecemento facial, é resistente á auga e ao po e integra cámaras de grande calidade que tiran proveito do procesador A11 Bionic para conseguir grandes efectos e incluso posibilita a gravación de vídeo Full HD en cámara lenta a 240 imaxes por segundo. Tampouco lle faltan elementos como a carga sen fíos e Apple Pay, converténdose no que posiblemente sexa o deseño de referencia para os iPhone do futuro, que para moitos chama a atención por ser o de maior pantalla do catálogo de Apple mentres que as súas dimensións quedan nun punto intermedio entre o iPhone 8 e o 8 Plus.

PUBLICIDADE