Abre na Coruña o congreso sobre procesamento de sinal máis relevante de Europa

martes, 3 de setembro do 2019 Redacción

Hoxe inaugurouse na Coruña, no recinto PALEXCO, a 27 edición do Congreso Europeo de Procesamento de Sinal, que xunta na Coruña uns 800 expertos internacionais neste prometedor ámbito das TIC, de especial interese para diferentes eidos (a xestión de datos de voz, imaxe e vídeo; a biomedicina, as comunicacións, a xeolocalización, a Intelixencia Artificial ou a ciberseguridade). A apertura das actividades desenvolveuse a primeira hora da mañá na sala Gaivota de PALEXCO, contando coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a conselleira de Educación, Carmen Pomar; e os co-presidentes do comité organizador, o profesor da UDC Luis Castedo e a profesora da Stony Brook University (EE UU) Mónica Bugallo.
Na cita, Carmen Pomar salientou que “o deseño, a investigación e o desenvolvemento das tecnoloxías da comunicación xogan un papel decisivo no avance da sociedade actual”; e aludiu ao traballo científico realizado no ámbito universitario, “que permite implantar solucións das que se beneficia o conxunto da sociedade”.
A conselleira de Educación expresou o seu compromiso por seguir traballando para que a investigación científica reverta en avances sociais mediante a transferencia de coñecemento, e por seguir fornecendo a conexión entre o eido educativo e a contorna produtiva.
Como dixemos, este congreso reunirá na Coruña uns 800 expertos internacionais no procesamento de sinal. Procedentes de 52 países, presentaranse máis de 500 traballos científicos e participarán catro autoridades mundiais nos procesamentos de sinais: Josiane Zerubia (INRIA, Francia), Yurii Nesterov (CORE, UCL, Bélxica), Raymond Knopp (EURECOM, Francia) e Alejandro Ribeiro (Universidade de Pennsylvania, Estados Unidos). Entre os investigadores internacionais que máis interese están a suscitar atópase o matemático ruso, Yurii Nesterov, referente teórico no procesamento de sinal, quen accede nesta edición coruñesa do congreso a unha conferencia maxistral.
Dentro do marco deste congreso celebrarase este xoves, 5 de setembro, no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación da UDC, CITIC, o II Congreso XoveTIC.

PUBLICIDADE